O Convenio Europeo da Paisaxe (CEP) aprobado o 19 de xullo do 2000 en
Florencia, foi ratificado por España o 30 de novembro do 2007 e entrou en
vigor o 1 de marzo do 2008. A Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a regular
a materia da paisaxe, conforme ao seu ámbito competencial, pola Lei 7/2008 de 7 de xullo de protección da
Paisaxe de Galicia (Xunta de Galicia, 2012)
Esta proporciona
ó tratamento da paisaxe un punto de partida política e xuridicamente
consistente, insta ós estados europeos a desenvolver políticas paisaxísticas e
permite superar a situación dominante en moitos ordenamentos nos que a paisaxe
segue a ser un elemento xuridicamente indeterminado. O CEP defende o patrimonio cultural e natural de Europa
e á paisaxe coma parte dese patrimonio. Considera á paisaxe na súa totalidade e
non pola súa singularidade.
Un dos aspectos máis
salientables dos introducidos polo Convenio é o da elaboración dos Catálogos da
Paisaxe, instrumentos para a introdución de obxectivos paisaxísticos na
planificación territorial así como nas políticas sectoriais.
Son ferramentas útiles
para a ordenación e a xestión da paisaxe dende a perspectiva do planeamento
territorial, por este motivo o seu alcance territorial debería ser o que se
corresponda con cada un dos ámbitos de aplicación dos Plans Territoriais. Non
obstante en Galicia non se fixo de xeito oficial ningún Catálogo da Paisaxe ata
o ano 2012 no que se rematou o da Comarca do Deza, o resto está sen facer, e no actual contexto económico é posible
que esta situación se estenda no tempo, polo que o alcance territorial non se
terá en conta para o presente Catálogo, que se axustará ós límites
administrativos do Concello de Allariz. Por outra banda os catálogos da paisaxe
de Galicia, planificados por Comarcas, abarcan o estudio do territorio a unha
escala máis ampla, con menor nivel de detalle, moi axeitados para a
planificación territorial, por exemplo con ferramentas como os PORF (Plan de
Ordenación de recursos Forestais), que se estruturan nunha escala semellante,
pero menos indicados para, por exemplo, un traballo detallado a nivel de
Concello (a Comarca do Deza engloba seis concellos) e ferramentas de ordenación
territorial como os PXOM (Plan Xeral de ordenación Municipal), cos que, o
presente Catálogo tería unha moi sinxela conxunción.
