jueves, 13 de junio de 2013

Catálogo da Paisaxe de Allariz

O Convenio Europeo da Paisaxe (CEP) aprobado o 19 de xullo do 2000 en Florencia, foi ratificado por España o 30 de novembro do 2007 e entrou en vigor o 1 de marzo do 2008. A Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a regular a materia da paisaxe, conforme ao seu ámbito competencial, pola  Lei 7/2008 de 7 de xullo de protección da Paisaxe de Galicia (Xunta de Galicia, 2012)

Esta proporciona ó tratamento da paisaxe un punto de partida política e xuridicamente consistente, insta ós estados europeos a desenvolver políticas paisaxísticas e permite superar a situación dominante en moitos ordenamentos nos que a paisaxe segue a ser un elemento xuridicamente indeterminado. O CEP defende o patrimonio cultural e natural de Europa e á paisaxe coma parte dese patrimonio. Considera á paisaxe na súa totalidade e non pola súa singularidade.

Un dos aspectos máis salientables dos introducidos polo Convenio é o da elaboración dos Catálogos da Paisaxe, instrumentos para a introdución de obxectivos paisaxísticos na planificación territorial así como nas políticas sectoriais.


Son ferramentas útiles para a ordenación e a xestión da paisaxe dende a perspectiva do planeamento territorial, por este motivo o seu alcance territorial debería ser o que se corresponda con cada un dos ámbitos de aplicación dos Plans Territoriais. Non obstante en Galicia non se fixo de xeito oficial ningún Catálogo da Paisaxe ata o ano 2012 no que se rematou o da Comarca do Deza, o resto está sen  facer, e no actual contexto económico é posible que esta situación se estenda no tempo, polo que o alcance territorial non se terá en conta para o presente Catálogo, que se axustará ós límites administrativos do Concello de Allariz. Por outra banda os catálogos da paisaxe de Galicia, planificados por Comarcas, abarcan o estudio do territorio a unha escala máis ampla, con menor nivel de detalle, moi axeitados para a planificación territorial, por exemplo con ferramentas como os PORF (Plan de Ordenación de recursos Forestais), que se estruturan nunha escala semellante, pero menos indicados para, por exemplo, un traballo detallado a nivel de Concello (a Comarca do Deza engloba seis concellos) e ferramentas de ordenación territorial como os PXOM (Plan Xeral de ordenación Municipal), cos que, o presente Catálogo tería unha moi sinxela conxunción.